Aranjuez, 7-8 xullo 2012
Destacada actuación dos atletas do C. Vila de Cangas na participación do noso clube no Campeonato de España Categoría Xuvenil celebrado este pasado fin de semana en Aranjuez, Madrid.
Na xornada do sábado tarde, con temperaturas entre 30 e 35 graos, magnífico resultado de Aida Amoedo clasificándose para a final do domingo na proba de 400 metros lisos co cuarto mellor tempo das participantes, 58»79 e mellor marca persoal. Tinín Maquieira non puido competir nas semifinais desta mesma proba por unhas molestias nos isquios, que esperamos que non sexan demasiado graves. Nuns intres despois, comezaría a proba de peso masculino, onte o noso atleta Pablo Castro acudía en gran estado de forma, tras igualar fai pouco en Vigo o récord galego da categoría con 16.29m. Finalmente, Pablo conseguiu un meritorio cuarto posto cun mellor lanzamento de 15.88 metros.
Na xornada do domingo pola mañá, ben cedo nos desprazamos á pista. Ás 10.20 daríase á saída aos 5km marcha femininos, onde competiría Mar Chillón, que posuía unha das mellores marcas na proba do ano. O calor xa apretaba ben forte a esas horas. Ao remate da proba, Mar non puido conseguir máis que o bronce cun tempo de 24 minutos e 59 segundos, quedando a uns segundos da súa mellor marca conseguida a semana anterior.
Na tarde do domingo, terían lugar o resto de participacións do noso equipo, a final do 400ml feminino, o peso feminino e o disco masculino. Primeiro, correu Aida, sendo consciente das súas posibilidades na proba. Acadou un merecido cuarto posto mellorando ainda máis a súa nova marca, cuns brillantes 58»56. Posteriormente, no peso feminino de 3kg Raquel Villa rematou no noveno posto cunha marca de 11.98m, mostrando unha evolución positiva na súa fase de recuperación. Concluíndo a participación dos nosos atletas neste campionato, Pablo competiu por segunda vez neste fin de semana, esta vez no lanzamento de disco de 1,5kg conseguindo un grato décimo posto cunha marca de 40.10m.
Mar.