PRESENTACIÓN DA TEMPADA 2009/2010

O pasado sábado 21 de novembro, na Sala de Exposicións do Auditorio de Cangas, o Club Atletismo Vila de Cangas presentou a todos os equipos para a presente tempada, dende os minibenxamíns ata os veteranos.
Ademais desta presentación tamén serviu este día para facerlle entrega dos agasallos aos atletas que conseguiron na tempada anterior marcas meritorias de premios en metálico por parte do Club.
A continuación chegou o momento tan agardado polos rapaces: a entrega da nova revista do noso Club, que acada xa o número 14.

O acto terminou cunha charla coloquio na que interviñeron atletas de tanto prestixio como Víctor Gallego Bernárdez e Mondovan Tilea Felicia.Tamén estiveron presentes a concellal de deportes, Dª Antonia Queimaño; o presidente a Delegación de Atletismo de Vigo, D. Eleuterio García; e os adestradores Juan Ramilo e e Francisco Rodal. Todos eles, xunto coa presidenta do noso Club, Mª Carmen Parada, contestaron as preguntas do público.
D. Eleuterio manifestou a súa opinión de que todos os rapaces deberían facer atletismo como base para calquera outro deporte. Igualmente fixo unha mención moi especial a todos os adestradores pola súa colaboración totalmente desinteresada. Tamén Dª Toñi Queimaño tivo palabras de agradecemento para os adestradores como persoas altruístas adicadas ao deporte.
Felicia animou a todos os rapaces para que se esforzaran e lembrou os seus inicios no deporte. Fixo fincapé na vontade que deben ter os rapaces para conseguir a metas que se propoñan. Segundo ela, é moi importante a xenética de cada un, pero tamén é moi importante ter unha mente positiva. Contou a súa experiencia na Olimpíada de Atlanta, para a que se clasificou coa mellor marca, pero a mente xogoulle unha mala pasada e quedou 10ª.
Víctor, nacido en Cangas, contounos que os seus inicios no deporte estiveron no baloncesto e que foi polo seu irmán polo que se iniciou no atletismo. Ten que agradecerlle ao deporte que coñeza tanto mundo. .
Pola súa parte, Ramilu quixo deixar clara a diferencia entre o sacrificio e o esforzo. Para el adestrar é un esforzo porque lle gusta facelo. Iso debería ser o que significara para os atletas o adestramento. Só se convertería en sacrificio se non che gusta o que fas.
Fran , coordinador dos adestradores das categorías maiores do Vila, a preguntas dun pai, responde que a división de honor está na presente tempada un pouco complicada para os homes, en cambio ten grandes esperanzas coas mulleres, e pon como exemplo a participación das cadetes no campionato de España, cousa impensable hai uns anos.
Todos os participantes contestaron as preguntas dos asistentes nun animadísimo debate, sendo os atletas os que tiveron que responder máis veces.

Deja una respuesta