CAMPIONATO DE ESPAÑA XUVENIL

O fin de semana do 22 e 23 de xuño celebrouse nas pistas de Durango (Bizkaia) o Campionato de España Xuvenil ao aire libre. Ata alí desprazáronse 4 atletas do Vila de Cangas: Raquel Villa, Pablo Castro, Sara Villar e Mar Chillón. Despois dunhas 9 horas en furgoneta acompañados dalgúns atletas e entrenadores do Celta, Morrazo e San Narciso, chegamos pola noite a un humilde hotel que por sorte nos quedaba ben cerca das pistas onde se celebraba a competición. Tampouco podemos ter queixa de como acompañou o clima.

A primeira en poñerse a equipación e saír á pista foi Sara Villar, a última hora da mañá do sábado. A semana anterior, probou a facer o 400 valados nun control, sendo a súa proba de sempre o 100, conseguindo no seu debut uns interesantes 1.13.89 que lle permitirían ser repescada e acudir ao nacional. Competiu na primera semifinal rematando 8ª cunha marca de 1.16.46.

O sábado pola tarde, tocaríalle xa a Pablo Castro, na primeira das dúas probas que disputaría, o peso. Despois dun bo concurso, onde o primeiro enseguida colleu distancia sobre as marcas dos rivais, o noso atleta fixo un mellor lanzamento de 15 metros e 96 centímetros, o que permitiu que conseguise un máis que merecido bronce. Iso sí, esa non sería a primeira vez que Pablo subiría ao podio neste fin de semana.

No segundo día, comezamos o día cunha boa noticia. A primeira hora da mañá, como xa é costume, competía Mar Chillón nos 5km marcha. Acudía á cita coa cuarta mellor marca, e despois dunha carreira complicada, acadou o terceiro posto mellorando a súa marca e deixándoa en 24.16.35, o que se convertiría en récord galego, quedando a seis segundos da mínima mundial.

Xa para rematar, pola tarde do domingo quedaban por competir Raquel Villa no peso e Pablo Castro, esta vez no disco de 1,5kg. Raquel, aínda contando cunhas rivales moi competitivas, fixo un gran concurso mellorando a súa marca nada máis e nada menos que 45 centímetros, e logrando un meritorio cuarto posto cunha gran marca de 13,63m. Posteriormente, Pablo non sería menos e acadaría o seu segundo bronce do campionato, cunha marca de 46m39cm, que sería a mellor para el ata o momento na proba.

En conclusión, Galiza rematou o campionato con 10 medallas, 4 de ouro e 6 de bronce, sendo 3 destas últimas de cor amarela.

Deja una respuesta