CAMPIONATO GALEGO ABSOLUTO

Vigo, 24 de xullo de2010
Baixo un calor asfixiante, celebrouse este sábado en Balaidos o campionato galego absoluto. O acontecemento tivo lugar en xornadas de mañá e tarde. Do noso club, participaron seis atletas que conseguiron dúas medallas de prata.
Pola mañá participou a nosa representación feminina. Rebeca Obenza estivo moi presto do podio en marcha, rematando na cuarta posición. Na mesma proba, Mar Chillón acabou oitava, pero mellorando en moito a súa marcha. Aida Amoedo participou nos 100 m.l. e conseguiu meterse na final, onde rematou oitava.
Pola tarde foron os nosos representantes masculinos. O primeiro en competir foi David González, quen acadou a medalla de prata nos 1.500 m.l. Nesta mesma proba tamén participou Brais Misa, quen despois dun emocionante final de carreira, conseguiu colocarse na cuarta posición.
A segunda das medallas correu a cargo de Juanma Novo, quen rematou segundo nos 110 m.v.

FIN DE TEMPADA- ASEMBLEA XERAL ORDINARIA

Cangas, 17 de xullo de 2010

Un ano máis, xa estamos en xullo e festexando, máis que o remate da tempada, a chegada das vacacións, pois a tempada non acaba ata outubro.
Como xa tiñamos anunciado, no día de hoxe levouse a cabo a entrega de agasallos ós atletas máis destacados do Club. E como neste día todo é alegría, vouvos propoñer un xogo. A continuación faremos un resumen do que pasou nesta xornada, pero no texto aparecerán sete erros ou mentiras que debes atopar. En canto os atopes mándaos o correo do Club (at.viladecangas@terra.es). Entre todas as mensaxes recibidas coa resposta correcta sortearemos unha camiseta e unha gorra do Vila de Cangas asinada pola persoa/s relacionada/s có noso club que ti designes (sempre e cando el/ela acceda).

Este é o resumen:
Pasados uns minutos das cinco da tarde, hora programada para o evento, reúnense no Auditorio de Cangas os atletas destacados da presente tempada, así como familiares e amigos que quixeron comparecer.
A presidenta, Dª Mari Carmen Parada Martínez, presenta ós membros da corporación do Concello que lle fan facer entrega dos agasallos ós atletas. Tratase de D. José Enrique Sotelo, Dª Begoña Pérez e a concellal de deportes Dª Toñi Queimaño.
Fóronse chamando ós atletas destacados de cada categoría empezando polos benxamíns e rematando polos veteranos.
Esta tempada houbo logros moi bos. Foron moitos os atletas que foron ó campionato de España, tanto por equipos como individualmente. O logro máis destacado a nivel individual foi o conseguido pola cadete Raquel Villa, con dúas medallas de bronce no campionato de España. A nivel de equipos, o logro máis destacado foi o do equipo xuvenil-xunior masculino que se proclamou campión da fase previa do campionato de España, clasificándose para á final.

O final da entrega, Dª Begoña Pérez agradeceu ós nosos atletas por levar o nome da Cangas polo mundo adiante. Tamén D. Enrique Sotelo tivo palabras de agradecemento e ánimo para os asistentes.
Logo pasamos a facer a xa tradicional foto de familia có Concello de fondo.
Chegados á hora da asemblea, foi asombrosa a numerosa participación de socios. Completouse o aforo.
Como primeiro punto do día estaba a lectura e aprobación da acta anterior.
Logo, a presidenta tomou a palabra para dar conta da reunión que esta mesma mañá tiveron os representantes dos clubs coa Fundación. Explicou que a subvención que esta aporta para o pasado ano 2009 faixe en dous prazos. O primeiro xa está pagado dende principios de ano, o segundo prazo, dixeron na reunión, que se intentaría pagar en agosto ou setembro. En canto a subvención do presente ano, sairán as bases da subvención cunha baixada de entre un 15 e un 40 por cento de redución, pero como contrapartida, faranse efectivas de inmediato, nada máis concedidas.
A continuación tomou a palabra o tesoureiro para dar conta do estado das contas. Pese a crises que sufrimos e que aínda non cobramos o segundo prazo da subvención, grazas á venta das rifas e algunha outra cousa, a estas alturas do ano, temos, con respecto ó ano pasado polas mesmas datas, aproximadamente 5000 € máis en conta.
Por último, acordouse se fará unha asemblea extraordinaria para tratar da conxelación ou baixada das cotas de socios.

Pola noite, no Restaurante Capitán tivo lugar unha divertida cea que algúns aproveitaron para celebrar cumpreanos, aniversarios de voda, pactos de fichaxes para a vindeira tempada (houbo ata quen conseguiu fichar a cambio dun apartamento en Ibiza),etc.
A xente estaba tan contenta, que mentres os fogos da festa de Santa Mariña brillaban no ceo, un/unha aproveitou para saltar na cama elástica dos rapaces, lembrando os xa case esquecidos anos desa etapa.

AQUAPARK. ACTO DE ENTREGA DE AGASALLOS. ASEMBLEA XERAL. CEA.

Este sábado, 10 de xullo, ás 10 horas, os máis pequenos do Vila de Cangas irán pasar o día a Aquapark, en Cerceda. Os atletas destacados desta tempada irán invitados polo Club, os demais tamén poderán ir, pero terán que pagar a súa entrada. En calquera caso, teñen que apuntarse previamente o antes posible para reservar a súa praza.
Podedes consultar a lista de atletas destacados nesta mesma páxina. Considéranse atletas destacados os seguintes:
En benxamíns: todos os que teñan podio individual ou por equipos en campionatos provinciais.
Nas demais categorías: todos os que teñan podio individual ou por equipos nos campionatos galegos.
Si, consultado o listado de atletas destacados, alguén non se atopa nel e pensa que ten méritos para estalo, debe polo en coñecemento do adestrador, da Xunta directiva ou enviar un correo o seguinte enderezo: at.viladecangas@terra.es .

No seguinte fin de semana, a Xunta directiva do Vila de Cangas, ten a honra en invitar a todos os socios, atletas e simpatizantes do Vila de Cangas, ó acto de entrega de agasallos ós atletas do Club destacados en campionatos provinciais, autonómicos, nacionais e mesmo internacionais que se celebrará no salón de plenos do Concello de Cangas o vindeiro 17 de xullo, a partir das 17:00 horas.
Ó remate deste acto o Club celebrará a Asemblea Xeral Ordinaria anual na que poden e deben participar todos os socios/as.
E xa como remate, e para entregarnos ás vacacións, pola noite celebrarase unha cea a que estarán convidados os adestradores e os atletas destacados das categorías cadete e superiores. Ademais poderán asistir a dita cea (pagando) os membros da xunta directiva, socios, simpatizantes e amigos do Vila de Cangas que así o desexen. Para asistir a esta cea, tanto os convidados como os que vaian pagando , deberán confirmar a súa asistencia antes do luns 12 de xullo avisándollo a presidenta Mari Carmen, a Isaura ou mandar un correo a at.viladecangas@terra.es .

CAMPIONATO DE ESPAÑA XUNIOR

Castellón, 3 de xullo de 2010.
Ata o outro lado da península desprazouse a única representante do Vila de Cangas, Rebeca Obenza Otero, para participar nos 10 km marcha feminino do Campionato de España Xunior.

Rebeca Obenza Otero conseguiu clasificarse entre as 7 primeiras, cun tempo de 57.33.29
A pesar de ser unha proba madrugadora a calor fixo acto de presencia desde o inicio da proba, co resultado do abandono de varias atletas, a gañadora da proba foi a Atleta SAndra Yerga ,sendo descalificadas varias atletas por acumulación de tarxetas.

CAMPIONATO DE ESPAÑA CADETE

Pamplona. 26-27 de xuño de 2010.
Este xoves 25 de xuño, ás nove da mañá en Pontevedra, collemos un bus xunto con outros atletas galegos rumbo a Pamplona. Iamos participar no Campionato de España individual. A viaxe fíxosenos longa; tanto que chagamos alí ás nove e case non nos dá tempo a confirmar. Por sorte, a cousa foi a mellor, especialmente cando vimos as nosas habitacións, que non houbo quen se queixase daquel luxo. Logo, xa comezaron a vir os nervios previos pero iso non impediu que nos deixáramos de divertir cos demais atletas e entrenadores.
A primeira en competir foi Aida Amoedo quen o sábado pola mañá conseguiu pasar á final dos 300m.l., proba na que o domingo acadou un excelente sexto posto. Pola tarde tocoulle o turno a Antía Román, quen logrou un doceavo posto na xavelina, algo decepcionada por non chegar a súa marca. O mesmo lle pasou a Pablo Castro en disco e alcanzou un décimo posto. Sen embargo, Raquel Villa realizou un último gran lanzamento, ¡proclamádose terceira! E o domingo chegara a hora de Mar Chillón, que superou a súa marca en pista nos 3km marcha e conseguiu así un décimo posto. E por último, Pablo Castro en peso, quen manténdose na súa marca quedou séptimo. Deste xeito, os do Vila figuramos no posto 43, sendo 131 clubes participantes.
Finalmente, emprendemos o noso camiño de regreso e aínda que cansados, con gañas de seguir entrenando para a seguinte temporada.