AQUAPARK. ACTO DE ENTREGA DE AGASALLOS. ASEMBLEA XERAL. CEA.

Este sábado, 10 de xullo, ás 10 horas, os máis pequenos do Vila de Cangas irán pasar o día a Aquapark, en Cerceda. Os atletas destacados desta tempada irán invitados polo Club, os demais tamén poderán ir, pero terán que pagar a súa entrada. En calquera caso, teñen que apuntarse previamente o antes posible para reservar a súa praza.
Podedes consultar a lista de atletas destacados nesta mesma páxina. Considéranse atletas destacados os seguintes:
En benxamíns: todos os que teñan podio individual ou por equipos en campionatos provinciais.
Nas demais categorías: todos os que teñan podio individual ou por equipos nos campionatos galegos.
Si, consultado o listado de atletas destacados, alguén non se atopa nel e pensa que ten méritos para estalo, debe polo en coñecemento do adestrador, da Xunta directiva ou enviar un correo o seguinte enderezo: at.viladecangas@terra.es .

No seguinte fin de semana, a Xunta directiva do Vila de Cangas, ten a honra en invitar a todos os socios, atletas e simpatizantes do Vila de Cangas, ó acto de entrega de agasallos ós atletas do Club destacados en campionatos provinciais, autonómicos, nacionais e mesmo internacionais que se celebrará no salón de plenos do Concello de Cangas o vindeiro 17 de xullo, a partir das 17:00 horas.
Ó remate deste acto o Club celebrará a Asemblea Xeral Ordinaria anual na que poden e deben participar todos os socios/as.
E xa como remate, e para entregarnos ás vacacións, pola noite celebrarase unha cea a que estarán convidados os adestradores e os atletas destacados das categorías cadete e superiores. Ademais poderán asistir a dita cea (pagando) os membros da xunta directiva, socios, simpatizantes e amigos do Vila de Cangas que así o desexen. Para asistir a esta cea, tanto os convidados como os que vaian pagando , deberán confirmar a súa asistencia antes do luns 12 de xullo avisándollo a presidenta Mari Carmen, a Isaura ou mandar un correo a at.viladecangas@terra.es .

Deja un comentario