CAMPIONATO GALEGO SUB 10 E SUB 12 PISTA CUBERTA

A Coruña 10 de marzo de 2024

 

     Case nun exercicio de nostalxia voltabamos a Pista Cuberta de Riazor. Tendo en conta as idades d@s atletas se pode concluir que pouc@s sabian da existencia desta pista e menos competiron nela. Estamos a falar da época previa a Expourense, non fai tanto, e que deixou relegada a pista herculina. Longa xornada de domingo que implicaba as categorias SUB 10 e SUB 12. Comezamos pola categoria SUB 10 que estivo representada na sección feminina por duas atletas. Anxela Caballero acadou o BRONCE na proba de 1000 m.l. e Claudia Romero progresou a final dos 50 m.l. e rematou 9ª, na proba de 500 m.l. foi 14ª.



    Na competición masculina Xose González non puido progresar a final dos 50 m.l., pese a ser segundo na  semifinal, acadou o posto 14º no global dos 500 m.l. Lucas Figueroa obtivo o posto 24º nos 500 m.l. Samuel Lorenzo foi 16º nos 1000 m.l. e Adrián Capelo rematou 24º no concurso de lonxitude.



     A xornada de tarde reservouse para a categoria SUB 12. Na sección feminina competiron Sofia Capelo, que non progresou a final de 50 m.l. tras quedar 4ª na sua rolda. Nora Parcero tampouco pasou de rolda nos 50 m.l. e foi 17ª nos 1000 m.l. Noa Pedrido quedou na rolda previa a final de 50 m.l. e foi 12ª en 500 m.l Elodie Graña si que pasou a final dos 50 m.l., e faciao co mellor tempo, na carreira das máis rápidas proclamouse SUBCAMPIOA GALEGA. Alternou esta proba co salto de lonxitude, onde rematou 14ª



        Moita participación nestas categorias o que pon en valor, máis si cabe,  os logros conseguidos.

CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB 20 PISTA CUBERTA

Salamanca, 9-10 de marzo de 2024

     A pista cuberta de Salamanca acolleu o CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB 20 DE PISTA CUBERTA. Dous amarelos eran participes desta importante cita, entrando en competición na tarde do sábado, primeiro foi Mauro Vázquez quen tras facer MMP, con 7,00 s pasou de rolda nos 60 m.l.. Impresionante o número de mellores marcas que se deron na velocidade neste Campionato. A sua compañeira Agata Rodríguez, con 9,66 s nos 60 m.v. finiquitou a sua participación.



     O día seguinte Mauro acadou unha marca de 7.07 que non lle permitiu estar na final dos 60 m.l., estar na mesma requería baixar de 7 s e non é tan doado. De feito o gañador da proba tamén se levou un novo record  de España.



CAMPIONATO GALEGO SUB 14 PISTA CUBERTA

Ourense, 09 de marzo de 2024

    Primeiro asalto ao remate da Pista Cuberta nas categorias menores, neste caso era en Expourense para a categoria SUB 14. Unha longa xornada que tivo un paron para xantar para logo darlle continuidade pola tarde. A sección feminina contaba con seis participacions que estiveron encabezadas pola carreira de Lena Currás nos 1000 m.l. onde cun tempo de 3:12, 75 proclamouse CAMPIOA GALEGA de Pista Cuberta.



    A outra premiación viu da man de Emma Collazo cun BRONCE na proba de 500 m.l., ademáis rematou no posto 12º no concurso de Lonxitude. Maria Marcos rematou 20ª nos 500 ml. e foi 18ª no salto de lonxitude. Nahia Pintos rematou 32ª na probra de 1000 m.l. seguida por Alba Alvárez no posto 33º. Carla Salgado tamén participou en duas probas, sendo 19ª no salto de lonxitude e descalificada na proba dos 60 m.l.



    No tocante aos homes Angel Refojos acadou un magnifico pero amargo 4º posto na proba de 500 m.l. e rematou 13º nos 60 m.l. Daniel Cordeiro acadaba o posto 8º na esixente proba dos 1000 m.l. e foi 12 º no salto de lonxitude. Pechamos a participación amarela con Alejandro Fernández que acadou o posto 6º no concurso de peso.



CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB 18 DE PISTA CUBERTA

Sabadell, 25 de febreiro de 2024

 

     Gema Dacosta foi a representante amarela no CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB 18 DE PISTA CUBERTA. O domingo disputou a final do lanzamento de peso, resultando un concurso no que as marcas foron de menos a máis, cun ultimo lanzamento que achegou a bola ata os 13,07 m. Previamente acadaou o pase a mellora, asegurando estar entre as oito mellores, e finalmente remataba en 7º posto. Sabor agridoce deixoulle que o valor da medalla de bronce estaba ao seu alcance, de seguro que será unha aprendizaxe positiva para o vindeiro reto.



CAMPIONATO GALEGO SUB 20 DE PISTA CUBERTA

Ourense, 24 de febreiro de 2024

 

     Outro sábado nos tocaba viaxar ata a Pista Cuberta de Expourense, o plan para a xornada era o CAMPIONATO GALEGO SUB 20 DE PISTA CUBERTA. Un total de sete amarel@s serían parte e protagonistas do evento indoor que poñia peche a tempada nesta categoría en Galicia, tamén unha ocasión para acadar as minimas e achegarse ao Campionato Nacional.



     Diego Martínez facendo gala da versatilidade que o caracteriza foi SUBCAMPION GALEGO en salto de altura, con 1,82 m. e repetiu en salto de pértega, chegando ata 3, 35 m. Mauro Vázquez liderou a velocidade, tanto na semifinal coma na final onde se proclamou CAMPION GALEGO con 7,05 nos 60 m.l., a vindeira fin de semana medirase cos mellores de España en Salamanca.



     Ibrahim Aga non puido progresar a final dos 60 m.l. cos 8, 07 s. que acadou nas previas, tampouco pasou da semifinal dos 200 m.l. cun crono final de 26,80 s. Carlos Corredoira superouse nos 400 m.l. e  co tempo de 51,88 s. acadou a medalla de BRONCE. A participación masculina deu remate co 5º posto de Carlos López nos 800 m.l nun magnifico crono de 1:59, 49. As mulleres tiveron a representación na categoría cun 7º posto de Uxia Sánchez nos 400 m.l. e a victoria de Agata Rodríguez na proba de 60 m.v.  Parabens para atletas e adestradores por un enorme Campionato que sen traballo e dedicación non houbera resultado tan satisfactorio.



CAMPIONATO GALEGO SUB 18 PISTA CUBERTA

Ourense, 11 de febreiro de 2024

 

    A xornada do domingo de entroido daba acollida en Expourense ao CAMPIONATO GALEGO SUB 18 DE PISTA CUBERTA. A categoria xuvenil tocaballe amosar na competición os valiosos adestramentos que @s levaron ata alí. Comezou o Campionato coa presenza de Brais Pintos no concurso de salto de altura, quen tras superar o liston en 1,51 m. acadou un prometedor 8º posto. Raul Rial participou na proba de 3000 m.l. e cruzou a meta en 6º lugar cun tempo de 9:51.68.



     A participación másculina completouna Sergio Valladares correndo na proba de 400 m.l., quen finalizou 7º na suma global de tempos.

     Na sección feminina chegaron recompensas en forma de premiacions, foi Marta Camaño quen sumou dous BRONCES, o primeiro nos 60 m.l. e outro na proba de 200 m.l. , con mellora das marcas que tiña en ambas probas.



     Lucia Gil tamen acadou mellora nas probas que disputou, no 60 m.l. achegouse aos 8,38 s. que lle supuso o 17º lugar e no concurso de lonxitude afastarona do podio no último salto, quedandose cunha mellor marca de 4,96 m. Blanca Giráldez competiu na proba de 400 m.l. e finalizaba en 1:11.82 as duas voltas a pista rematando no posto 18º. Rematabamos a participación amarela coa victoria de Gema Dacosta no concurso de lanzamento de peso. Parabens para atletas e adestradores, ben feito.



CAMPIONATO GALEGO SUB 16 DE PISTA CUBERTA

Ourense, 10 de febreiro de 2024

     Achegamonos ata Expourense para ser participes do CAMPIONATO GALEGO SUB 16 DE PISTA CUBERTA. En pleno sábado de Entroido estreabamos a competición coa participación de Saul Santos no concurso de altura, superando a sua marca ata os 1,48 m acadou o 7º posto. Miguel Fernández e Roi Rivas correron as semifinais dos 60 m.l., progresando a final o primeiro e o seu compañeiro tivo que conformarse co 3º posto da semifinal. Na final Miguel acadou o posto 10º. Repetiron no concurso de lonxitude, Miguel foi BRONCE, cun  salto de 5,17 m. e Roi foi 5º con 4,72 m.



     Hugo Collazo e Marcos Rial pechaban a participación másculina na carreira de 3000 m, onde Hugo foi 4º e Marcos 7º. Nas series previas do 60 m.l. feminino acadaron pase a final Ana Cordeiro e Antia Soto. Na final Antia refrendou a sua progresión cunha medalla de BRONCE e Ana foi 11ª. Repetian na carreira de 300 m.l. e ambas progresaron a final, alí Ana rematou 5ª e Antía foi descalificada. Antia Baqueiro tamén participou na semifinal de 300 m.l. e non acadou o pase a seguinte rolda.



CAMPIONATO GALEGO ABSOLUTO DE PISTA CUBERTA

Ourense, 27 de xaneiro de 2024

 

     A celebración do CAMPIONATO GALEGO ABSOLUTO DE PISTA CUBERTA deu cabida ao máis selecto grupo de atletas da Comunidade. A sede non podía ser outra que a pista de Expourense. Participes desta importante competición foron vari@s amarel@s. Comezamos por Mauro Vázquez que progresou a final dos 60 m.l. cuns magnificos 7,09 s na semifinal. Chegada a hora de correr polos metais, foi quen de mellorar o tempo e rematar en 7,06 s. acadando a medalla de BRONCE.



    Diego Martínez, o noso combinero, participou no concurso de salto de altura, quedouse nos 1,81 m. que lle outorgaban o posto 5º, tres centimetros o afastaron dos metais. Debut da atleta SUB 16 Antia Soto, progresando a final B dos 60 m.l. finalmente foi 16ª mellor marca. Marta Camaño rematou 8ª no computo dos 60 m.l. e 6ª na final dos 200 m.l. Agata Rodríguez pasou a final dos 60 m.v. e na mesma cruzou a meta coa 5ª mellor marca. Estas actuacións tan cercanas aos postos de podio foron refrendadas por Gema Dacosta que acadou o amargo sabor da medalla de chocolate cun magnifico 4º posto na final do concurso de lanzamento de peso.


 

TROFEO ABANCA PISTA CUBERTA

Ourense, 03 de decembro de 2023

     O primeiro domingo de decembro a categoría SUB 12 tiña unha cita coa Pista Cuberta. Falar de «indoor» en Galicia nos leva a Expourense e ata alí se desplazaron unha boa delegación de amarel@s para disputar unha competición das que fan equipo. E vaia se fixeron equipo que acadaron a victoria no combinado feminino e foron subcampions coa actuación masculina. Xa tiñamos esperanzas en que completaran unha boa actuación pero as carreiras hai que plasmalas na pista.



    No tocante aos homes arrincaron coa participación de Samuel Corrales no concurso de altura, onde rematou no 2º posto, Alejandro Fernández foi segundo tamén no lanzamento de peso. Xoel Oliveira foi o representante na velocidade acadando o 7º posto na proba de 60 m.l. Brais Garcia sumaou un 8º posto no concurso de lonxitude. Angel Refojos achegou unha victoria na carreira de 500 m.l. e Daniel Cordeiro cruzaba a meta no segunto posto nos 1000 m.l. Coa proba das remudas, neste caso 4 x 1 volta (200 m) podiase encarrilar unha posición no podio, e así foi, cun 4º posto no relevo formado por Xoel, Brais, Dani e Angel conseguise o SUBCAMPIONATO.



    A sección feminina contaba coa presión que sufren as favoritas, e intuimos que a souberon xestionar coma un gran equipo que son. Camila Enriquez rompia o xeo da competición cun 6º posto na altura, Maria Marcos achegaba un 3º posto no salto de lonxitude, Eloldie Graña repetiu o 3º posto na carreira de 60 m.l. Sabela Miranda acadaba a victoria no concurso de peso e nos 500 m.l. repetia primeiro posto Emma CollazoA actuación feminina viuse refrendada polo 1º posto de Lena Curras nos 1000 m.l. e xa, coma guinda a excelente actuación completaron unha carreira de relevos en 1ª posición coa participación de María, Lena, Emma e Carla SalgadoNon podemos imaxinar mellor forma de rematar unha competición por equipos, cunhas remudas que fixeron levar ao público das bancadas e animando o esforzos d@s atletas.


CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB 18 PISTA CUBERTA

Salamanca, 11-12 marzo de 2023

 

    A pista cuberta Carlos Gil Pérez amosou as suas mellores galas para acoller o CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB 18. Pola parte do club contabamos  coa presenza de duas atletas que competirían no concurso de lanzamento de peso e nos 60 metros valados. Foi Agata Rodríguez a primeira en debutar na competición, o sábado na procura do pase a semifinal de 60 m.v. rematou cun tempo de 9.41 s. e non conseguiu progresar.



     Na final de lanzamento de peso loitaba Gema Dacosta, finalmente pasou a mellora no concurso e acadou o 8º posto cun lanzamento de 12,89. Noraboa pola experiencia e ánimos para seguir mellorando,