FINAL COMPOSTELA CUP ATLETISMO EN PISTA

O sábado 20 de xuño, en Santiago, celebrouse a final da Compostela Cup de atletismo en pista. Todo transcorreu bastante ben durante a competición. Os nosos atletas estaban entre os primeiros en case todas as probas, mesmo houbo un podio que foi totalmente amarelo. Trátase do podio de xavelina infantil mulleres. Conseguimos o premio ao Club que máis atletas aportou á competición. En esta modalidade tamén tiveron premio os nosos veciños do Atletismo Morrazo, que conseguiron o terceiro posto.

Si algo hai que criticar da organización é que non publicaron os resultados que ían sacando, polo que na entrega de trofeos, sobre todo os correspondentes aos equipos, houbo algunha que outra sorpresa, polo menos pola nosa parte. Atopámonos con que as alevíns non subiron ao podio, porque ao parecer quedaron empatados a puntos coas terceiras e elas tiñan máis primeiros postos, cousa que aínda non puidemos comprobar.

Pero a sorpresa máis grande chegou coas cadetes, que despois de obter primeiros postos por equipos en catros das cinco probas, nin sequera foron chamadas para subir ao podio. Cando preguntamos o por qué, dixéronnos que foron descalificadas nos relevos. A todo isto xa só quedaban nas pistas dúas persoas responsables da organización. Os xuíces xa se foran. As nosas atletas insistían en que ningunha delas cometera falta. Ante a insistencia preguntando cal fora a falta cometida, dixéronnos que fora unha entrega fora de zona, pero sen poder precisar en qué posta. Non parecía que houbera moito que facer pola nosa parte, pois a pesar de que contabamos cun vídeo da proba que ratificaba a versión das nosas atletas, as persoas que alí se atopaban non parecían ter interés ningún en velo.

Ante a insistencia en exercer o noso dereito á reclamación, os responsables que aínda permanecían nas pistas ( só quedabamos os do Vila de Cangas e mais dúas persoas da organización) chamaron por teléfono a dous xuíces que manifestaron que efectivamente, o Vila de Cangas quedara descalificado por facer a entrega fora de zona. O curioso é que cando se lle preguntou pola equipación do equipo do Vila de Cangas que cometera esa falta, dixo que era de cores azul e branca. ¡Fatal erro!. Ata o de agora, as cores do Atletismo Vila de Cangas sempre foron amarelas. Ante nós recoñeceron o seu erro e manifestaron que o equipo do Vila de Cangas cadete era o xusto vencedor da proba. Unha victoria que chegou tarde e que privou as nosas rapazas de celebralo no podio, algo que se puido evitar si os resultados foran expostos ao público ao seu debido tempo.

Deja un comentario